A illa de todas as illas narra a aventura de tres rapaces, nunha illa deserta que non ten nome, pero a que todos chaman Navalleira. Puxéranlle ese nome os mariñeiros, porque nela había moitas navallas; pero agora, segundo lles conta o patrón do barco que os leva alí, só quedan brétemas mestas e espíritos. Algúns mariñeiros que chegaran á illa buscando navallas volveran a terra dicindo que escoitaran voces e que viran xentes que lles falaban en todas as linguas do mundo e que vestían como os que veñen nos libros antigos.
Xabier P. DoCampo quixo render tributo con esta historia a todos aqueles fermosos libros de aventuras cuxas historias sucedían nunha illa deserta ou aparentemente inhabitada, obras que mantiveron, como di no epílogo, «o meu corazón alterado, as miñas emocións abrollando coma fontes da alma e moitas horas entregadas á lectura cando llelas tiña prometidas ao sono ou ao estudo».